Sinto medo. Sinto por primeira vez que non podo loitar contra a corrente deste novo río. E vexo como me arrastra...
Es demasiado impetuoso para doma-las rédeas invisibles que un día me outorgaron o título de independente. A túa falta de mesura nas situacións nas que esta és esixida irrítame. Quizais é só que te me pareces tanto que por iso te odio. E, sen embargo, deséxote coma endexamais desexei a ningún home. E sinto medo, e sinto que as augas turbias do teu río loitan por arrastrarme na corrente.
Só os teus anos de experiencia ilustran os meus movementos. Só cando escoito a túa voz tibia ó outro lado de teléfono esixíndome para ti uns minutos da miña vida, ou cando, simplemente, te imaxino ó meu carón, noto como aumenta o caudal do río, e loito por escaparme, e nado contracorrente cara á beira na que ti me agardas cos brazos abertos, pero coa expresión de supremacía que debuxas sempre na cara cando me vences. É ódiote de novo e mais intensamente, porque malia ter un carácter ríxido e forte dende cativa, marca definitoria da que presumir, unha vez máis son eu a que busca os eus beizos, son eu a que se rebaixa mostrando os seus sentimentos abertamente, sentíndome coma a actriz novata á que lle tremen ás pernas antes de saír por primeira vez ó escenario, mentres ti ris da miña debilidade e xogas comigo, alimentando a luxuria na miña mirada sen negarme eses bicos ós que son adicta. E sinto medo porque por máis que o intento non son capaz de resistirme a ese doce veleno que me forneces, e xa non veso máis que auga ante min, porque xa me arrastrou a corrente, porque xa non hai volta atrás. E ódiote porque contemplas rexoubeiro a miña arrepiante tortura e os meus vanos intentos por fuxir do teu encanto. E malia que estás ao meu carón, sei que estás a miles de anos luz de min. E déitasme na túa cama cun brío que manifesta a túa permanente actitude de macho dominante, coma eu mesma anceio facer contigo. Pero non me dixas desata-la fogaxe que me percorre as veas e que me electriza o sangue, e temo non estar á altura do público que agarda a función.
Eu non podo resistirme a deixarme arrastrar nesas augas turbias que me cobren a pel pero que non se quedan, no río que odio e á vez amo tanto.
Escóitame, xa non teño medo. Xa o teu río me é indiferente. Porque todo o meu mundo es ti, e sei que en canto me escorra das túas líquidas garras unha vez, á seguinte materializaraste nunha forma nova, á que eu, incauta, acudirei coma a un reclamo, coma a cordeiro que acude triscando alegremente a onde o agarda a man asasina do matachín. Coa inocencia que trato de encubrir obstinadamente cunha capa de autosuficiencia que en realisade non posúo.
Marcharei da túa vida do mesmo xeito en que cheguei, silenciosa...
Non te odiarei, simplemente os teus pasos seranlle indiferentes ó meu camiñar. Endexamais desexarei bicarte, xa nunca anceiarei como me mordía-lo pescozo na busca do elixir da vida que che permitise seguir sendo mozo uns anos máis. En canto asine esta carta, porei punto e final a unha historia que me marcou para sempre, e a feble e diminuta flama que aínda arde en min apagará o desexo da relación máis intensa da miña vida. Porque tamés eu preciso adoptar unha actitude dominante ante a vida, e por moito que te ame, non permitirei que o teu veleno mate o meu carácter ríxido e forte nin que me relegues a unha pasividade obrigada.
E sendo eu a que te rexeita, agora es ti o que me busca, o que quere sentir as miñas unllas nas costas e os meus dentes no pescozo. Porque por fin te decataches de que me precisas para seguir activo, porque só na miña boca está o zume que che proporciona a eterna xuventude, e xa es consciente de que caíches presa do sentimento que eu antes tiña e do que te mofabas. Porque non houbo mellor cousa para facerte reaccionar que o verte sen min para apreciarme na ausencia e para que toda a túa fachenda e o teu afán por xogar comigo e provocarme de cotío sen decidirte dunha vez a da-lo gran paso de poñerte ti en evidencia demostrando que, pese ó que sempre te esforzaches en simular, me precisas na túa vida, esfumáronse.
Pecho os ollos ignorando a túa mirada... Ó final es meu e agora es ti o que ten medo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario